24/11/08

Vida amorosa de Zeus

Zeus era un fenómeno.
A esta conclusión chegamos despois de dar un pequeno repaso polas súas amantes e como se apañou para seducilas. Por que ligaba tanto Zeus? A verdade é que podíao todo e non quería perderse nada: nin deusas, nin mulleres, nin tampouco homes. Nun diálogo de Luciano de Samosata, Zeus quéixase a Eros de que o transforme para namorar amantes e de que elas se asusten se o chegan a ver na súa propia forma.
Seguindo a nosa consigna de que a mitoloxía é unha forma de interpretar o mundo e explicar aquilo que a ciencia non era capaz de explicar, como podemos interpretar estas unións de Zeus?
Amantes Zeus
View SlideShare presentation or Upload your own.

23/11/08

Dous días con Chiron


Mentres non me decido a crear un blog persoal, vou facer trampa e utlizar Ἀσπασία, o blog de aula, para escribir sobre o un curso (ou máis ben, a primeira parte dun curso) que fixen o 21 e 22 de novembro en Santiago.

Xa que isto o van ler as miñas alumnas/os, explícome un pouco. A Sociedade de Estudios Clásicos (si, os que fan o do teatro de Lugo e o concursazo Odisea, no que o pasamos tan ben) organizou un curso para que os profes de clásicas aprendésemos a usar os recursos da web 2.0: blogs, wikis, aulas vituais... O curso estivo impartido por membros de Chiron, unha web colaborativa formada por profesores de clásicas. Ensináronos un montón de cousas, todas elas ferramentas moi uteis para traballar na clase. Eu xa coñecía o traballo de varios deles, porque entraba nos seus blogs e páxinas web, ás veces sen saber que estaban en Chiron.
O primeiro día de curso marchei algo depre para casa,porque me veía desbordada por tantas cousas e estaba "apabullada" por todo o que facían os demais. Pouco apouco funme tranquilizando e vendo, que xa sabía facer algunhas cousas e que outras as podía aprender rápido e, sobre todo, que ía contar cunha axuda inmellorable par facelas.
Tivemos problemas técnicos gordos, como quedarnos sen rede e non poder facer as primeiras prácticas do que estabamos aprendendo (...e iso que estabamos nun insti de cidade, para que vexades que non só en Melide temos unha rede cutre) Pero a pesar dos problemas, eu aprendín algo moi importante: que xusto con estas ferramentas e este modelo de traballo, podo conseguir cambiar o meu modelo de ensinanza e facer que sexa colaborativa. Espero que as miñas alumnas/os noten un "antes e un despois" de deste curso.
E xa para rematar, direivos que estou facendo "deberes" do curso (si,os profes tamén temos deberes) e que o estou pasando ben. E como as diversións hai que compartilas hai van deberes para as de 4º de ESO: buscade en google quen era Quiron , no que se inspiraron os da web Χείρων-Chiron para buscar un nome, e facede a vosa primeira entrada.

Aspasia, na sombra de Pericles


Eliximos o nome de Aspasia para o noso blog de aula, porque foi unha de tantas mulleres na historia que viviron na sombra dun home.

Aspasia chegou a Atenas con 20 anos, no 450 a. C., procedente de Mileto. Era unha muller fermosa e moi instruída, algo pouco común nas mulleres atenienses. Algunhas fontes considérana mestra de retórica e autora de discursos xurídicos.

A intelixencia e desenvoltura non eran propias das mulleres decentes, e quizás por isto se lle acusaba de “hetera” (cortesá ou “muller de compañía”). As heteras eran as únicas mulleres “liberadas” en Atenas, xa que ademais de recibir educación esmerada eran independentes xuridicamente, é dicir podían ter propiedades e disfrutar delas sen estar tuteladas por un home.
Pericles, o gran político do s. V a. C. artífice da democracia ateniense, namorouse dela e fíxoa a súa muller (estaba divorciado dunha primeira).
Pericles permitía que Aspasia estivese presente nas reunións importantes e que opinase, cousa que supuxo un grande escándalo, motivo de moitas acusacións dos seus inimigos e ridiculización de cómicos como Aristófanes.
Historiadores coma Plutarco sinalan que a súa influencia sobre Pericles era moi grande e que puido ser ela a que inspirou parte da liña política do seu home.
Aspasia converteu a súa casa nun centro cultural que puido ser frecuentado polo propio Sócrates. Moitos nobres atenienses levaban as súas esposas para que a escoitasen falar.
Luciano de Samósata di de Aspasia que era “modelo de sabedoría”, e “a admirada do admirable Olímpico”, referíndose a Pericles. Dela destaca a “súa sabedoría política e a súa visión, a súa axilidade de mente e a súa penetración”.

Con este blog nos pretendemos saír da sombra e sacar á luz o noso traballo na aula de cultura clásica e grego. Gustaríanos que o noso blog fose tan visitado como a casa de Pericles e Aspasia.