24/03/09

A guerra de Troia

Un dos mitos máis importantes na mitoloxía clásica é a guerra de Troia e todo o ciclo de lendas e cantos épicos que xurde arredor dela, o que denominamos ciclo troiano. Segundo a lenda, o troiano Paris raptou á fermosa Helena, esposa do rei de Esparta Menelao, provocando deste xeito o ataque dos gregos á cidade de Troia e a conseguinte guerra que duraría dez anos. Troia, no estreito dos Dardanelos, chamábase en grego Ilión (Ἰλιόν), e de aquí deriva Ilíada, o poema de Homero que ven sendo a testemuña literaria más antiga en lingua grega e na literatura europea. Pero a Ilíada de Homero non nos conta toda a guerra de Troia, senón só nove días do noveno ano de guerra, cando o famoso Aquiles (o dos pes lixeiros, o do talón...) se enfada co rei Agamenón e decide retirarse da loita. Así comprendemos que Homero comece a súa obra pedíndolle inspiración a musa "Canta, musa, a cólera do Pélida Aquiles"...
Coa Ilíada e a Odisea (a outra obra de Homero) educáronse incontables xeracións de homes gregos e occidentais en xeral, que vían nos seus heroes un modelo de comportamento.
Cando estudiamos mitoloxía sempre insistimos na idea de que a mitoloxía era un xeito de ver a vida, de explicar cousas que nese momento non tiñan unha explicación racional: os fenómenos naturais, a orixe do mundo, o comportamento humano, etapas do pasado... Disto último trata precisamente o ciclo troiano, pois a partir dos libros de Homero os arqueólogos descubriron as cidades de Troia, Micenas, Tirinto, Esparta... e puderon probar que si houbo unha guerra alá polo 1200 a.C. As causas de esta guerra histórica serían menos románticas e máis materialistas, os intentos dos gregos por controlar as rutas comerciais do Mar Negro levaríanos a enfrontarse cos pobos asiáticos que controlaban os estreitos.
Bota unha ollada a esta historia resumida e completa información cos enlaces e a bibliografía vista en clase.

Ningún comentario: