30/04/13

A ASASINA, NOVELA DE ALEXANDROS PAPADIAMANDIS

A editorial Hugin e Munin ven de publicar A Asasina, de A. Papadiamandis, autor grego que viviu o final
do s. XIX e comezos do XX. Esta editorial ten como obxectivo as traducións ao galego de obras en todas as linguas (agás portugués e castelán), primando as literaturas minorizadas. Neste senso podemos dicir a A Asasina ten perfecta cabida neste proxecto, pois a literatura grega moderna é unha gran descoñecida para unha a maioría de lectores e son practicamente inexistentes as traducións ao galego, exceptuando a Kavafis, traducido e editado en Rinoceronte.

Alexandros Papadiamandis pertenceu a xeración de 1880 ou a Nova Escola Ateniense, que se caracterizou pola súa reacción ao romanticismo anterior. Era natural de Skiathos, fillo dun sacerdote ortodoxo, viviu sempre na escaseza, non puidendo rematar os seus estudos en Atenas por motivos económicos. Tiña un carácter introvertido, gostaba da soidade e aínda que o seu coñecemento do mundo feminino parecía limitarse á súa familia, foi quen de percibir as penalidades da condición feminina que deixaban a muller no eslabón máis baixo da miseria. Nesta novela denúnciase o inxusto costume do dote que debían aportar as mulleres ao matrimonio da Grecia da súa época. Este dote era desorbitado e inalcanzable para moitas familias, condenando á soltería a aquelas mulleres que non podían aportalo (tres das catro irmáns do propio Papadiamandis quedaron solteiras...)
A Asasina (1903) desenvólvese na illa grega de Skiathos, onde Khadula Frangoianú, unha viúva duns sesenta anos, trata de sobrevivir coidando a outros nunha sociedade pobre, dura e miserenta. Nas súas propias palabras "recapitulando a súa vida, vía que non fixera nada máis que servir aos demais". A nosa protagonista, nun intento de rebelarse contra a miseria, que oprimía sobre todo as mulleres, levará a cabo accións terribles e extremas, entrando nunha voráxine homicida que ao mesmo tempo a atormenta. Frangoianú pronto levantará sospeitas e verase obrigada a fuxir. Tenta tamén a fuxida física, imposible nuhna illa, pero tenta escapar dos seus remorsos. Ao igual que na traxedia grega a nosa "heroína" excédese e sofre por elo un castigo, o que non sabemos e se este castigo consegue restablecer a harmonía.
Podemos considerar A Asasina como obra cume do naturalismo grego. O narrador expón os feitos de manera aséptica, non xulga, escolle a personaxes rudos, de baixa extracción social, como protagonistas; sitúa a súa acción nunha terra de beleza abraiante, pero ingrata e inhóspita para o home, unha terra que acaba converténdose en cárcere e tumba da protagonista.
Quen quera coñecer máis de cerca as terribles andanzas de Frangoianú e as fermosas paisaxes da illa de Skiathos, pode consultar esta presentación. Tedes varios exemplares á vosa disposición nos andeis da nosa biblioteca.


Ningún comentario: