26/01/15

COMEZAMOS A NOSA TRAVESÍA, ODISEA 2015

Hoxe comezamos a nosa Odisea, e para conxurar todos os perigos, transmitimos unha menxase de benvida da organización:
Hoxe comeza a vosa singradura. Sen que teñades que descender ao Hades para consultar a Tiresias podémosvos adiantar algúns consellos.Durante tres días o apacible Euro guiaravos por augas en calma. Gozade, sen abafos de tempo, coas preguntas que se vos propoñan e asegurade as respostas, pero, coidado! FESTINATE LENTE, σπεύδετε βράδεως!O xoves verédesvos azoutados por Bóreas implacable e teredes que afrontar terribles momentos de desfalecemento ante as esquivas pistas do "preguntón" que, semellantes a Escila e Caribdis, axitarán o vinoso ponto para que se decanten os mellores. Sede prudentes como o paciente Odiseo, CAVETE, προσέχετε σαυτοῖς!Os organizadores e organizadoras deste concurso desexámosvos moito éxito:ἀγαθῇ τύχῃ, FORTUNAM SECUNDAM VOBIS!

Tamén estaremos presentes no Twitter co hashtag #odisea2015. Ánimo, que as preguntas de hoxe son moi faciliñas, e boa sorte!!

12/01/15

CONCURSO ODISEA 2015, VIVA O AMOR!

Como é tradición no IES de Melide, comezamos o ano con moitas ganas de participar no Concurso Odisea, que anda xa pola súa décima edición en Galicia. Este concurso, organizado pola Sección Galega da  SEEC (Sociedade Española de Estudios Clásicos) é xa toda unha insitución e tradición no IES de Melide, que até o de agora, participou en todas as convocatorias, con maior ou menor sorte.
Nos últimos anos o concurso centrouse e diferentes temas como as viaxes ou a muller no mundo antigo e neste ano 2015 o tema elexido é O amor en Grecia e Roma, como non podía ser menos. Ai, o amor, esa forza que move o mundo, aínda que moitas veces o Eros teña que competir do Thánatos...
E mentres imos pensado no nome do noso equipo, imos facendo un repasiño dalgúns aspectos dese Eros tan poderoso, cunha vella presentación: