18/05/16

COMO A XERACIÓN DAS FOLLAS, ASÍ SOMOS A XERACIÓN DOS HOMES...

Parafraseando uns versos que limos no canto VI da Ilíada, os homes somos como as follas das árbores, o vento espalla no chan as secas para reverdecer de novo en cada primavera. Así, cada mes de maio volvemos a ver partir a unha xeración máis, que marcha buscando outros portos, como dí o poeta, nesa viaxe a Ítaca.
A nosa viaxe en grego comezou cunha tripulación maior, Andrea, Adrián, Lucía Sesar e Raquel baixaron en portos anteriores para adquirir fermosas mercancías, na busca de rutas máis axeitadas. No barco continuaron Antía, Cristina, Dani, Jose e Lucía Varela. E aínda que, chegadas estas datas, sempre digo o mesmo do alumnado que marcha, o certo é que non podería ter atopado mellores compañeiros de viaxe. Será que sempre escolle esta materia o mellor de cada casa? ou será que a propia aprendizaxe nos fai mellores a todos? Neste curso, no que persoalmente comecei a notar o cansanzo de todos estes anos e a cobizar unha xubiliación imposible, compartir remo case cada día co alumnado de 2º de BAC foi unha táboa de salvación. Para máis fortuna, con eles empezaba e remataba a semana, nunca tan levadeira foi a 6ª hora dos venres.
Endexamais vin unha mala cara, se cadra algo de lóxico cansanzo ou ganas de atender a cousas máis interesantes que as parasangas de Xenofonte. Antía, reivindicativa, pero tan cálida... sempre atenta, coa súa sensibilidade para aprezar a poesía e esa habilidade plasmada nun fermoso poema de Safo, copiado sobre papiro, co que nos agasallou (unha auténtica Mulier habilis!). Cristina, auténtica, sen medo a manifestar os seus sentimentos, a personificación da sensatez, do apego, do cariño polos seus, nos que nos inclúe. Dani, "non te raies", que con ese sentido seu do humor e esa tendencia a escurrirse de todo agocha tanto afecto e traballo sistemático. Jose, que foi reducindo distancias e soubo compartir con nós as súas observacións e inquedanzas e algunha que outra paixón. Lucía, cun sorriso e mirada que iluminan a aula, sempre de bo humor, pasando dos vaciles pola súa teima de ter todo controlado... Viaxamos física e mentalemente, vestímonos de gregas e romanos, traballamos en equipoescribimos con cálamos, fixemos concursos, vimos teatro... a ate vimos as estrelas nunha fría noite de inverno. Grazas por apuntarvos a todo, grazas por ensinarme a vosa música, por deixarme entrar no voso mundo.

Houbo momentos duros na viaxe, nos que nos pareceu ver ao alporizado Poseidón, compartimos kleenex e palabras de acougo, sobre todo neste curso, 2º de BAC, que se acaba convertindo nunha carreira contra o reloxo. E aquí paramos a pensar. Imaxinades varios "2º de BAC" repartidos ao longo da vosa vida escolar, en 3º e 6º de primaria e, ao rematar a ESO, con carácter eliminatorio? Niso é no que quere convertir a LOMCE o sistema educativo, nun continuo salto de obstáculos que vai deixando xente nas cunetas, en lugar de ser un instrumento para limar as desigualdades.
O meu sono, o sono de calquera docente, penso, sería poder ter aportado ás miñas alumnas e alumnos durante estes anos ferramentas útiles para acadar outros coñecementos, para defenderse na vida, para realizarse coma persoas, para ser, en definitiva, máis felices. Gustaríame ter contribuído a formar boa xente, xente honesta, pero firme e comprometida, xente que non se conforme con ese futuro mediocre que lles ofrecemos, xente que se rebele e queira cambiar o mundo...
Outra vez máis, volvendo ao poeta, só me queda desexar que a viaxe sexa longa, chea de aventuras e coñecementos. Καλό ταξίδι!

11/05/16

I OBRADOIROS DE CULTURA CLÁSICA. LUDI COMPOSTELLANI

O pasado 3 de maio, un super equipo de alumnas e alumnos de cultura clásica, latín e grego do IES de Melide impartiu na Facultade de Filoloxía un obradoiro de moda clásica e outro de escritura antiga, nesta primeira edición de Obradoiros de Cultura Clásica, organizados pola sección Galega da SEEC. Esta actividade, que pretende ter continuidade e consolidatrese, foi bautizada como Ludi Compostellani, como recoñecemento aos veteranos Ludi Saguntini, evento imprescindible na comunidade educativa das clásicas.
Aínda que a idea inicial era facer unha xornada festiva que acompañase a entrega de premios da II Olimpíada de Tradución, os obradoiros adquiriron un protagonismo capaz de servir de reclamo a uns 20 centros que acudiron con arredor de 200 alumnos e alumnas, que ademais dos obradoiros de moda e escritura, participaron nun obradoiro de cociña, a cargo do alumnado do IES Xelmírez II, e nun obradoiro de xogos e outro de música a cargo do alumnado de filoloxía clásica da USC. O alumnado do IES de Ames encargouse de facer un precioso fotocoll que representaba ao deus Dioniso co seu séquito de sátiros e ménades. Estas actividades completábanse cun Itinerario Mitolóxico dunha hora de duración polo casco histórico compostelán, que partía da Praza do Obradoiro guiado por alumnas da USC e pola profesora Ana Suárez.
Para ser a primeira edición, a xornada festiva foi todo un éxito grazas ao traballo de todos os centros que participaron e da directiva da SEEC, en especial de Teresa Amado, alma mater do proxecto que estivo en todo momento apoiando e animando aos centros, pendente de que non faltase nada. Grazas, Teresa!

Pola nosa parte, contamos coa inestimable axuda do Ciclo de Madeira do IES de Melide, que nos construío unha cadeira klismos, cálamos, transformáronnos unha capsa.... e no IES de Melide estivemos traballando nas aulas duramente ao longo do mes de abril, preparamos o material, distribuímos o traballo e velaí o resultado.  É certo que hai algunhas cousas que debemos mellorar: ensaiar mellor a exposición, coordinarnos máis, ser máis responsables co traballo individual... que tentaremos levar á práctica o próximo curso se conseguimos que esta actividade teña continuidade. Quen se apunta para o curso que vén? Sabedes que agora podedes volver a escoller cultura clásica en 4º de ESO?